Sunday 28 de April de 2024

O Concello presenta o proxecto ‘Camariñas Explora’, con 20 rutas sinalizadas para gozar do turismo deportivo


• Habilitouse un perfil gratuíto na aplicación Wikiloc no que se incorporaron estas rutas, que suman ao redor de 2020 quilómetros e están dirixidas a diferentes tipos de usuarios, niveis e modalidades.

• Tamén se deseñou un folleto e un adhesivo que incluirá un código QR para poder acceder á aplicación.

• As rutas están dispoñibles no seguinte enlace: https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=8513794

• Sandra Insua incidiu en que “o turismo deportivo está a gañar cada vez máis adeptos” e “en Camariñas temos todos os ingredientes necesarios para crear unha experiencia turística e deportiva completa”.

• A directora xeral de Agader, Inés Santé, afirmou que “o medio rural é a pedra angular desta iniciativa” e comprometeu o respaldo económico para o proxecto ‘Explora 10’.

O Concello de Camariñas presentou hoxe na aula Raquel Moreira do Museo do Encaixe o proxecto ‘Camariñas explora’, unha iniciativa de dinamización turística vinculada ao deporte a través da que se propoñen 20 rutas sinalizadas co obxectivo de dar a coñecer boa parte do territorio e situarse como destino seguro.
No acto estiveron presentes a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o concelleiro de Deportes, Fabián Canosa; a directora de Agader, Inés Santé; a presidenta do CMAT, Mónica Rodríguez; e a presidenta da Asociación de Empresarios de Camariñas, Olga Campos.
A rexedora incidiu en que “na época que estamos a vivir o turismo deportivo está a gañar cada vez máis adeptos” e “en Camariñas penso que temos todos os ingredientes necesarios para crear unha experiencia turística e deportiva completa”. “Facer unha ruta de sendeirismo polo litoral, coa fermosa vista do Faro Vilán guiando o camiño e o bater da olas inundando os nosos oídos é algo que non todos poden ofrecer”, agregou.
Pola súa parte, Inés Santé, afirmou que “o medio rural é a pedra angular desta iniciativa” e subliñou que “o deporte e o turismo neste caso son a base sobre a que acadar o desenvolvemento rural”.
Ademais, comprometeu o respaldo económico de Agader ao proxecto ‘Explora 10’ no que está a traballar o Concello de Camariñas para a potenciación das diferentes actividades físico-deportivas ao aire libre que se están a desenvolver na Costa da Morte e que incorporará tamén aos concellos de Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.
Fabián Canosa explicou que “pretendemos poñer en valor a actividade física e deportiva, o desfrute e coidado do medio natural e do mesmo xeito dar unha opción máis de turismo no Concello de Camariñas” e enumerou as diferentes “rutas de sendeirismo, bicicleta e carreira pola contorna natural que nos proporcionan as parroquias de Camelle, Arou, Ponte do Porto, Xaviña e Camariñas.
Camariñas Explora
Os técnicos deportivos municipais deseñaron varios percorridos novos e incorporaron algúns sendeiros existentes, chegando finalmente ás 20 rutas que suman en total 220 quilómetros e que están dirixidas a diferentes tipos de usuarios e afeccionados de modalidades como o sendeirismo, o running ou o ciclismo.
Todas as rutas poderán seguirse no móbil. Para iso, habilitouse un perfil na aplicación Wikiloc, que utilizan case 8 millóns de usuarios e na que comparten máis de 22,8 millóns de rutas. A través do perfil ‘Camariñas explora’, calquera usuario accederá ás rutas e poderá seguilas de xeito totalmente gratuíto. Ademais, antes de iniciar o percorrido poderá ler unha pequena descrición do recorrido así como comprobar os datos técnicos do mesmo como a lonxitude ou o perfil altimétrico. Todas as rutas inclúen unhas recomendacións para desfrutar de cada actividade. AS rutas están dispoñibles no seguinte enlace: https://es.wikiloc.com/wikiloc/user.do?id=8513794
O traballo complementouse co deseño dun folleto e dun adhesivo que se distribuirá en diferentes localizacións r que incluirá un código QR para poder acceder á aplicación. Ademais, cada ruta conta cunha ficha técnica que incluirá a información necesaria para planificar a actividade seleccionada.